Traballo  en  Galicia

Documentais

A SEMENTE: INDIA E ETIOPÍA (2006)

>> Equipo técnico e outros datos:

- Dirección: María Reimóndez Meilán.
- Guión: María Reimóndez Meilán.
- Produción: María Reimóndez Meilán, Francisco Vila Barros.
- Dirección de fotografía: Francisco Vila Barros.
- Dirección de produción: Almudena Covelo.
- Montaxe: Ignacio Taibo Lorenzo.
- Dirección de son: Isaac Palacín.

- Formato: Curtametraxe.
- Idioma de gravación e rodaxe: Galego.
- Ano de produción: 2006.

>> Descrición: 
Este documental está formado por dúas curtametraxes localizadas na India e en Etiopía respectivamente. O traballo trata o tema do microcrédito, unha metodoloxía de traballo en cooperación ao desenvolvemento con xa máis de trinta anos de antigüidade pero practicamente descoñecida para o mundo occidental. O microcrédito é unha estratexia micro que axuda a millóns de persoas a saír da pobreza cada día e que presenta diferentes modalidades segundo os países, xa que se adapta ás necesidades das poboacións. As dúas curtas parten, ademais, da solidariedade feita dende Galicia a través da organización galega Implicadas no Desenvolvemento.
O traballo adopta unha perspectiva naturalista e amosa de xeito directo e sen artificio o entorno e as protagonistas para achegar o público ao tema da pobreza e afán de superación das mulleres que conseguen mellorar as súas vidas a través destas iniciativas. Por outra banda, as curtas inclúen a opinión de expertas e expertos do sector universitario, bancario e de cooperación que poderán complementar e aclarar os aspectos máis xerais e relevantes do microcrédito.
A Semente visibiliza os resultados da nosa cooperación dende Galicia. A Semente nútrese da voz e experiencia das persoas, das cores e sons dos países onde se desenvolve para darlles protagonismo a quen poucas veces o ten, lonxe de visións occidentalizadas e de recreacións artísticas dunha realidade dura pero tamén esperanzadora que non pode deixar a ninguén indiferente.

>> Argumento:
A Semente-India
Para situar o público no entorno onde se vai desenvolver a acción, o documental A Semente - India comeza cunha presentación do país, a súa historia e realidade social, a través de imaxes e dunha locución. Esta perspectiva xeral dará paso á introdución do tema da situación das mulleres na pobreza e a existencia dunha dobre discriminación.
Un salto no espazo levaranos ata o occidente, Galicia en concreto, a outra cara desta realidade. O documental céntrase aquí nas interaccións entre a India e occidente, tanto negativas (as raíces da pobreza, a explotación dos recursos, a orientalización das imaxes) como positivas (a cooperación e o entendemento intercultural, entre outras). É aquí onde se introduce o tema do microcrédito, que será presentado a través de declaracións feitas por diversas mulleres protagonistas dos programas de microcrédito en dous proxectos diferentes, xestionados conxuntamente pola ONG galega Implicadas no Desenvolvemento e a india People´s Development Iniciatives nas cidades de Tiruchy e no distrito de Karaikal.
A modo de conclusión, o documental presenta o punto de vista de diversas persoas expertas en economía, tanto da India coma de Galicia, que avaliarán esta metodoloxía.

A Semente-Etiopía
O documental comeza introducindo o contexto de Etiopía e a súa historia. A continuación descríbese a situación de pobreza, moi especialmente das mulleres etíopes, e ponse en relación con diversos tipos de violencia física e discriminación social de xénero.
A continuación póñese de manifesto a relación entre o norte e o país etíope, tanto nos seus aspectos negativos coma no aspecto positivo da cooperación.
Despois de vencellar estes dous mundos, preséntanse, a través da voz das súas protagonistas, as iniciativas desenvolvidas por Implicadas no Desenvolvemento e as organizacións locais OPRIFS e WSO en Addis Abeba e Mersa. Así, o público terá ocasión de coñecer, por unha banda, a través do primeiro proxecto, a vertente financeira do microcrédito pola cal as mulleres obteñen acceso ao capital e, pola outra, o traballo máis de corte comunitario, coa formación de grupos de aforro e crédito na zona rural de alta montaña de Mersa. En ambos os dous casos son as mulleres as que relatan en primeira persoa como o microcrédito as fixo superar a liña de pobreza e repercutiu postivamente na situación social, educativa e mesmo sanitaria tanto delas coma das súas familias.
O documental complétase, a modo de conclusión, coa intervención de diferentes especialistas de orixe etíope e galega neste campo.

>> Localizacións:
India: Tiruchirapalli e Karaikal.
Etiopía: Addis Abeba, North Wollo e North Shewa.
| | |

Plataforma de formación

A través da plataforma de formación en liña, Implicadas pretende ofrecer un espazo aberto a todas as cidadás e cidadáns, sen importar ónde se atopen, no que poder recibir formación sobre temas relacionados coa cooperación ao desenvolvemento e a solidariedade.
Visítaa para coñecer os cursos dispoñibles »
Implicadas No Desenvolvemento   |   Tlf: 886 111 911 – 606 315 071   |   Avda. das Camelias, 49 interior - 36211 Vigo (Pontevedra)   |   Email:
Aloxamento web cedido por Alén Multimedia - www.alenmultimedia.com